O outono tráenos temas pouco usuais, pero moi reais.
O resumo, feito pola editora, é absolutamente aclaratorio:
"O protagonista non é capaz de pensar con claridade diante da tremenda realidade,
nin entender por que ten que morrer tan novo con todo o que lle queda por vivir:
ter noiva, o primeiro coche, ir a concertos..., en definitiva, todo o que
calquera adolescente devece por facer. Séntese furioso, desvalido e enganado
pola vida. Todo semella
inxusto. Ten que decidir onde pasar o tempo que lle queda, se seguir no
hospital, onde está rodeado por persoas que comparten o mesmo fado, ou marchar
cos seus pais. Mais coñece a Helene, unha rapaza que está aínda máis enferma ca
el. Así, coa aparición do amor, descobre un posible sentido para o tempo que lle
queda: quere pasalo con Helene."
Máis alá desa situación, está a forma de vida nesa sección do hospital, a reacción ante a morte e a maneira de facerlle fronte coas palabras, o pensamento e as actitudes deses seres tan novos e xa condenados a saber a proximidade do seu final.
As autoras, Birgit Schlieper e Nina Stahl uniron o seu bo facer, unhas delas dende o ámbito da experiencia de traballo neste campo de xoves enfermos terminais, de forma que conforme lemos, semella que estamos asistindo ao proceso de despedida da vida duns rapaces que non merecen semellante carga. As dúbidas do protagonista a respecto de a onde ir a pasar eses últimos días, se á casa do pai ou da nai, os seus sentimentos ante a forma de reaccionar cada un deles, a rabia,... pero tamén a liberación solidaria, esa maneira de ser felices axudando a outros, distraéndoos, estando con eles é a gran lección desta historia. Unha historia impresionante que se presta para falar e falar, para relacionar con series como Pulseras rojas e outras obras relacionadas con esta temática, algunha delas xa citadas na propia novela como Os irmáns Corazón de León, publicado por Edicións Xerais de Galicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario