Recollemos a noticia de Fervenzas Literarias, onde pode lerse o artigo completo.
"O 
poeta e creador cinematográfico Xosé Antón Cascudo fai un adianto con parte de O 
instante eterno, o documental no que ven traballando dende o ano 2011 sobre 
a figura de Xosé María Díaz Castro, o poeta de Guitiriz ao que a Real Academia 
Galega homenaxeará o vindeiro ano e autor do poemario 
Nimbos.
Na primeira fase da produción realizouse 
unha rolda de entrevistas nas que participaron Alfonso Blanco, presidente da 
Asociación Xermolos e un dos principais impulsores deste proxecto; o poeta e 
expresidente da RAG Méndez Ferrín; Félix Villares, docente no Seminario de 
Mondoñedo e estudoso da Escola Poética da Terra Chá... Un valor engadido é a colaboración 
da poeta Xiana Arias que puxo voz a varios dos poemas do 
autor.
En canto ás localizacións do filme 
inclúense os lugares emblemáticos do poeta: Mondoñedo –cuxo seminario era naquel 
tempo o berce poético da comarca chairega–, Betanzos –vila na que Díaz Castro 
gañou o certame dos Xogos Florais en 1946–, Vilagarcía de Arousa –onde exerceu 
de docente no Colexio León XIII trala Guerra Civil– e Madrid –lugar de 
residencia do poeta durante gran parte da súa vida, quizais o feito que o 
arredaría dos círculos culturais, e que explica o seu esquecemento–. Mención 
especial merece a contorna da aldea natal do Vilariño, a carón da Serra de 
Montouto, límite natural entre as provincias de Lugo e A Coruña, espazo no que 
se afunden as raíces literarias do autor e que iluminan dúas das súas claves 
poéticas: a paisaxe e a lingua.
O autor do filme ten a intención é estrealo durante a 
semana do centenario do nacemento de Díaz Castro, no mes de febreiro do 
2014."
 
No hay comentarios:
Publicar un comentario