25/5/11

MULLER E LITERATURA



Unha costura no tempo de X. Antonio Neira Cruz, na colección “A árbore da lectura” de Edicións Oxford
Que pode ser unha costura no tempo? Esa é a pregunta. A resposta chéganos a través de dúas historias que semellan tocarse aínda que proveñen de tempos moi distantes; a vida de dúas mulleres que a través dos soños e o azar se atopan (sen encontrarse) e se axudan.
A solidariedade entre unha rapaza actual e unha moza que forma parte do clan das iniciadas, un grupo ao que só pertencen mulleres que teñen demostrado a súa capacidade para a liberdade e o poder fronte aos homes que fican absolutamente sometidos e “desaparecidos”. Unha tribo na que mandan as mulleres fronte a un mundo no que estas son a sombra dos homes, os seus animais de compañía, e a súa mirada é de mansedume innata. Unha páxina web na que as rapazas actuais coñecen a historia desas mulleres, unha adolescente que forma parte dunha estirpe de mulleres solitarias e descubre o amor ao tempo que repite a pregunta de sempre acerca da situación do pai.
O tempo que cose dúas historias: a da traidora da que din que acaba co poder das mulleres e a da rapaza que lle fala a través do tempo e descubre a illa na que sucedeu...
Para saber que pasou en San Simón onde as ondas cantan cantigas de amigo, hai que ler o libro e a iso vos convidamos. Porque tamén reflexionaredes acerca da igualdade, sobre a muller, sobre “o machismo de signo contrario” , sobre o amor e a súa capacidade para parar o tempo...

1 comentario:

Oki dijo...

Co voso permiso fago un enlace á vosa entrada para o noso blog de biblioarzua