16/5/11

Nova colección




Cinco contos sobre Velázquez da autoría de Eliécer Cansino, Joan Manuel Gisbert, Xosé A. Neira Cruz, Daniel Nesquens e Xavier P. Docampo. Publicados na colección A árbore da lectura, na serie xuvenil da editorial Oxford
Trátase da recreación dun cadro deste pintor converténdoo en parte da trama do relato. Eliécer Cansino en “As mans transparentes” recolle a historia dun pintor adolescente que, nas últimas vacacións antes da entrada na universidade, busca a voz de Velázquez. Gisbert en “Os soños da Sibila”, acude ao cadro da Sibila para relatar o proceso de curación dunha moza coa axuda dunha copista. Neira Cruz en “Os fíos dunha historia”, parte do cadro “As fiandeiras” e do gato que desde a imaxe lle lembra ao da súa avoa, para introducirse nas historias que esta conta, dos tempos que lembra nunha fabulación marabillosa que remata nun conto clásico. Daniel Nesquens escolle o lenzo “Inocencio X” para cederlle a voz a un neno que leva o mesmo nome e tamén vai ser retratado. Docampo en “Retrato dun home que se parecía a Esopo” acolle a historia do mendigo que posa para ese cadro deixando un pouco de realismo máxico, de relación imposible entre ese mendigo e o gran fabulador: “(...) aquel infeliz que dicía habitar, en tempos ben afastados, reinos remotos e ter aconsellado os seus monarcas, facía súas, para dar verosimilitude aos seus relatos, as palabras do fabulista Esopo.”
Cinco escritores, cinco cadros de Velázquez e cinco historias, nas que o lenzo achega personaxes, obsesións, parecidos inverosímiles, motivos de fantasía, ambientación,... sempre desculpa, para a creación de mundos distantes ao motivo e distantes entre si. A meirande riqueza é esa creación de ambientes desde o identidade de cada autor, en base á creatividade dun gran
pintor.

No hay comentarios: