Pere Tobaruela, o escritor galego catalán ou catalán galego capaz de xogar con todos os paus, lévanos agora ao mundo do cómic camiñando co lápis de Daniel Xove baixo o selo de Everest Galicia. Semella que Pere se apunta ao traballo en man común, que gusta de compartir ideas e palabras, faino con Ledicia Costas no dúo Pereledi escribindo a catro mans unha serie de intriga que conta cos títulos Ouro negro e Mortos de ningures ou en Letras de xeo para lectores máis infantís.
E faino agora cun debuxante pasando as súas historia a historieta.
Así nace O encanto da Pedra Chá. Situada no Barbanza (a Pobra e a Curota) lugares moi queridos por Tobaruela, a partir dun poema de Rosalía, nace o relato protagonizado por tres irmáns adolescentes de personalidade moi distinta pero intrigados por unha casa con segredo (a iso non hai quen se resista).
Flashbacks que van e veñen do sono á vixilia, dun pasado lendario ao presente de máis actualidade, o que eran riquezas ofrecidas por un noble poden ser agora drogas na man dun dj, o importante é o imaxinario que rolda as casas e as mentes, as paisaxes e as cores das páxinas que nos van dando pistas... coma as migallas de Polgarciño, polo libro adiante.
No hay comentarios:
Publicar un comentario