10/2/14

Lecturas no bus. Campaña de fomento da lectura



"A literatura viaxa en autobús polas rúas de Compostela". "Le un libro e viaxa" porque "ti tamén es un Ser Libris". Desta forma, continúase a anterior iniciativa, que tanto éxito acadara.
Así nolo conta Fervenzas literarias, "dando a coñecer a nova campaña da AGE (Asociación Galega de Editores), que xunto co concello e a municipal TUSSA, organizan a campaña Ser Libris. A través desta proposta pretende fomentarse a lectura entre os usuarios do transporte urbano.
A campaña quere presentar a actividade da lectura como algo cotián na vida das persoas, así como facer visible a edición galega mediante textos de obras publicadas polos editores de AGE. Os textos propostos están impresos en vinilos que se colocaron nos autobuses urbanos para convidar os viaxeiros á súa lectura. Esta iniciativa estará presente nos autobuses ata o 20 de febreiro.
Os textos da campaña foron seleccionados polas editoriais participantes: Nova Galicia Edicións, KNS Ediciones, Ouvirmos, Editorial Galaxia, Edicións Xerais, Baía Edicións, Tambre Edicións e Ediciones Linteo, empresas que contribúen corresponsablemente ao financiamento do proxecto campaña.
A selección inclúe libros para nenos e para adultos; textos literarios ou divulgativos; sobre cociña, pintura... Hai referencias clásicas e tamén contemporáneas, de escritores galegos ou traducidos".

No hay comentarios: