Vaia tropa! de Antón Cortizas con ilustracións de Mª Reyes Guijarro, na colección Merlín. Unha man chea de poemas que seguen o xogo que lle dá título e que continúa na dedicatoria “a todos os tolos e tolas de amar”. Poesía con rima na presentación do libro e do autor, poesía xogo que se introduce tamén nas ilustracións e na tipografía, poesía sen sentido na maneira de ler dándolle voltas á páxina ou á cabeza, no absurdo das propostas, no surrealismo que o pasea do dereito e do revés. Un libro que poderíamos chamar toponímico “Camilo é de Muros e tiña un camelo (...)”, “En Baiona hai unha casa sen xanelas (...)”, “Naceu un volátil bebé no Rosal (...)”. Versos en líneas, versos en círculos ou en semicírculo; versos para ler en vertical ou en espiral, do dereito ou do revés, directamente ou en espello, con lupa ou sen anteollos, seguindo curvas imposibles, en forma de caligramas... poemas nos que todas as palabras comezan con f e outros que esperan a que o lector ou a lectora os completen. Para axudar, ademais do espello flexible que acompaña ao libro, unhas notas ao final dan pistas para que ninguén se despiste. As ilustracións acompañan moi ben os textos, moitas veces son elas o texto, outras adoptan os mesmos xogos que os poemas, de aí que non só lemos palabras senón tamén imaxes. Unha moi interesante aposta de Xerais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario