13/6/11

JUAN FARIAS

A nova da morte de Juan Farias obríganos a unha entrada triste.

Farias foi deses autores, nados en Galicia, que levaron o recendo desta terra á literatura española. Un home de mar que marchou terra adentro co macuto de lembranzas e saudades que o acompañan ao longo das páxinas e os días.

Destacamos a súa literatura destinada, tamén, aos máis novos. Unha manchea de relatos cos que demosta o seu respecto á rapazada e o seu compromiso coa intelixencia. A súa foi, unha literatura comprometida coa realidade por difícil que ela sexa. Creador dun imaxinario e un estilo absolutamente recoñecible, no que a poesía vai envolvendo a prosa e a fantasía abraza o cotián; unhas historias cheas de heroes anónimos que padecen a dureza dos tempos e sempre nos achegan a sensibilidade ante o ser humano, os afectos, a tenrura ...

Seguiremos lendo as historias de Juan Farias, agora con máis motivo, para mantelo vivo, e para seguir gozando das obras de calidade.

Juan Farias é un autor recoñecido, que contou co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 1980 por Algunos niños, tres perros y más cosas, foi nominado por España ao Premio Internacional de Literatura Infantil e Xuvenil Astrid Lindgren e ao Ándersen; foi Prmeio Internacional de Álbum Ilustrado en 1994, e, varias das súas obras forman parte da Lista de Honor do IBBY, dos White Raven e dos CCEI; ten unha Mención de Honor do XI Premio Europeo Pier Paolo Vergero e foi Premio Iberoamericano de Literatura Infantil y Juvenil Ediciones S.M. na súa primeira edición (2005).

O CEIP Pazos de Ferrol púxolle o seu nome á biblioteca escolar, e este 2 de abril traballou a súa obra xuntos con outros CEIP e IES de Ferrolterra. Porque hai comunidades escolares que recoñecen aos autores en vida (xustamente cando hai que facelo) converténdose así en faros que alumbran o día a día.

No hay comentarios: