18/4/11

Libros para o medo






Colección “O baúl dos monstros” . Un verdadeiro baúl que contén os libros: A bruxa, O vampiro, O home do saco, O zombi, A fantasma, A momia, O ogro, O esqueleto, O monstro do armario e O home lobo. Todos eles da autoría de Enric Lluch, pero cada un está ilustrado por un artista diferente. Publicado en galego por Baía, provén da editorial Bromera. Unha pequena historia co personaxe de medo (e que dá título á obra) como protagonista que remata cunha presentación – descrición do personaxe, o seu atavío e instrumentais que lle son propios. As ilustracións do vampiro (de Fernando Falcone) están moi logradas, pero ...qué dirías dun vampiro que decide saír para que lle afíen os cairos e que acaba sendo contratado para participar nunha película mais todo remata en desastre; e dunha bruxa que vai cambiando de conto e buscando traballo, ou dun home do saco que ao final resulta ser un bo educador? En todos os casos as ilustracións achegan información complementaria e unha riqueza de significados… A momia con ilustracións de Pablo Tambuscio mostra unha graciosa imaxe do horror na que se recolle tamén o grito de Munch. Neste caso, a protagonista escoita algo acerca de que van pechar o museo e decide escapar antes de que suceda; co obxectivo en Exipto, vaise co león, pero non dan saído da cidade despois de tentar viaxar en autobús, taxi ou ambulancia; ao final danse conta de que non hai vida como a do museo... quentiños e demais. Ao personaxe de O zombi -ilustrado por Oriol Hernández- pásalle algo parecido, un bruxo empéñase en que meta medo e ata o presenta a un concurso, pero el alégrase cando o enterrador que o está a seguir a todas partes se lle presenta e lle di que os mortos non poden ir soltos pola rúa. O esqueleto -ilustrado por Mercé López- cóntanos o nacemento e cría dun pequeno esqueleto que cando entra en contacto cunha revista de deporte de humanos se empeña en xogar fútbol o que lle crea máis dun problema, desde asustar aos rapaces cando se achega a eles ata facelo cun pequeno que non fuxe e lle axuda, pois ao colocar as botas e dar unha patada perde con ela tamén os osos da perna; daquela a familia cae na conta de que o mellor será convencelo de xogar sen botas e cun globo. E así un tras outro. Interesantes as imaxes familiares nas que cada un se identifica cun pequeno obxecto e realiza as labores que del se esperan.. todo moi humanizado.

No hay comentarios: