26/4/10

Dúas novidades para un mesmo tema


Que pasa cando non nos gusta o noso físico? Que podemos facer para cambiar a imaxe? Ou que é o que debemos cambiar?
Estas e outras preguntas bulen no caletre cando lemos os últimos libros de OQO
Nariz de ouro e Ranilda.
O primeiro, escrito e ilustrado por Raquel Saiz e Juliana Bollini, trata dun problema de nariz, unha nariz enorme como a de Cirano de Bergerac e un neno que está farto de cargar con ela, de que todos se rían nas súas narices e das súas narices... A nai que lle le un conto, e cal ha de ser? Si, tod@s pensamos no mesmo, no parruliño feo. En base a ese conto Eduardo terá que soñar e pensar... ata dar co mellor final.
O segundo, de Mar Pavón e Choé Rémiat, ten como protagonista unha rá que busca quen a bique para converterse en princesa. Fai o percorrido que corresponde; pedindo, rogando e castigando a quen non lle presta axuda, ata que é ela quen bica a alguén que sufrirá unha transformación. Un final inesperado coincidindo cunha inocentada. E, coma sempre o valor dos bicos e da demostración dos afectos.
Para aprender a vivir co corpo, para aprender a querer a imaxe que reflectimos nos espellos... un par de contos que, sobre todo, nos dará gusto ler.

No hay comentarios: