30/1/18

Lecturas para a paz: "Por que?" de Nicolai Popov

A editorial Kalandraka acaba de publicar Por que? de Nikolai Popov. 
O autor, que viviu  os horrores da 2ª Guerra Mundial, pregúntase  neste álbum cales son as causas das guerras e convida aos lectores e lectoras a reflexionar sobre os conflitos, desde os máis cotiáns ás grandes loitas para sementar unha cultura e educación para a paz, o diálogo e a tolerancia entre os máis novos.
Na presentación editorial indícasenos que "a senrazón da guerra, a violencia, a vinganza, a devastación e a morte asómanse en toda a súa crueza ás páxinas deste libro visual; unha fábula que comenza coa bucólica estampa dunha ra gozando do arrecendo dunha flor, ata a irrupción dun rato que a ataca para quitarlla. Xorde daquela unha loita entre dous bandos cada vez máis numerosos en individuos e medios bélicos que dá lugar a emboscadas e bombardeos. Dun prado florido, a un lugar desolado; dunha minucia, a un gran conflicto sen ter mediado nin unha soa palabra."
Este álbum cómpre telo en conta nas lecturas, nas seleccións e outras actividades que fagamos na biblioteca escolar para conmemorar  o Día escolar pola paz e non violencia.
Outros títulos :
A bruxa Discordia de Mamá Cabra e Carmen Gil
O Valo de Carlos Labraña
Eu son Suleiman de Antonio Lozano
Camiños de auga  de Manuel Núñez Singala

29/1/18

Novidades de banda deseñada: "Xinfu na maldición guauchuki"


A editorial Xerais publicou a finais de 2017 Xinfu na maldición guauchuki de Adrián Morgade.

Este cómic infantil está incluído na colección Merlín cómic, da que forman parte tamén títulos como Marcopola.
Xinfu (que significa feliz en chinés) e Wini son dous cans que viven unha vida pracenteira até que descobren un óso que posúe un poder máxico que os vai trasladar a outro mundo, onde vivirán aventuras extraordinarias.
Destinado a partir de primeiros lectores (6-8 anos), vén acrecentar os títulos
(aínda escasos) de banda deseñada infantil en galego, que poden formar parte dos fondos da biblioteca escolar ou ben dunha selección de cómics para as mochilas viaxeiras.



18/1/18

Todo o mundo!

Despois de En familia, Hercules de Ediciones achega ao galego Todo o mundo! A vida ten moitas cores de Anja Tuckermann e con ilustracións de Tine Schulz. A tradución do alemán é de Rosa Marta Gómez Pato.
No álbum váisenos lembrando, con humor, cales son as orixes dos seres humanos e cales as súas necesidades básicas pero tamén que homes e mulleres tiveron que migrar ao longo da historia por múltiples razóns. Iso conformou sociedades diversas, con linguas e costumes diferentes que poderían levar a prexuízos, pero a convivencia en harmonía debe aproveitar a posibilidade que dá a multiculturalidade e o plurilinguismo para enriquecer a nosa sociedade.
Moitas son as posibilidades de lectura deste libro nas nosas bibliotecas, que son tamén diversas e multiculturais.

15/1/18

Teatro para ler e representar: O valo de Carlos Labraña


O valo de Carlos Labraña, ilustrado por Nuria Díaz, vén de ser publicado na Biblioteca Dramática galega, coeditada por Xerais e AGADIC.

A obra mereceu o IX Premio Manuel María de literatura Dramática Infantil no ano 2016.
No medio dun deserto, un neno soldado chanta unha bandeira e coloca un valo de arame, xusto onde no seu mapa marca a fronteira. Do outro lado do valo, Sahara, unha rapaza abandonada, que foxe da guerra, trata de convencelo de que a deixe pasar, xa que está procurando un pozo onde saciar a súa sede. Mirando as estrelas fugaces no firmamento, Sahara e o Soldadiño comparten idéntico ceo e comprenden que só na procura dos seus soños atoparán a liberdade. Peza dun único lance para dous personaxes, “O valo” propón unha emocionante reflexión sobre a igualdade e a paz entre todas as persoas e comunidades. (Presentación editorial)
Pallasos en Rebeldía, baixo a dirección de Iván Prado representan esta obra de Carlos Labraña.
Teatro para ler, para ver e tamén para representar nas actividades promovidas polas bibliotecas escolares, cando xa está próximo o Día Escolar da Non Violencia e da Paz.

29/12/17

Selección de poesía infantil



Como nas nosas bibliotecas lemos moita poesía, elaboramos un taboleiro no Pinterest  da Asesoría de Bibliotecas escolares cunha selección de títulos, á que chamamos Poesía infantildirixida fundamentalmente a primeiros lectores e lectores autónomos. Como toda escolla, ha medrar co tempo pero ben pode axudar a seleccionar recursos para as nosas actividades en torno á poesía ou acrecentar a colección da biblioteca escolar.

27/12/17

Pensando na biblioteca escolar: Saltón no camiño


Kalandraka acaba de publicar en galego Saltón no camiño, un dos libros clásicos de Arnold Lobel que vén acrecentar os títulos dispoñibles deste autor na nosa lingua.
Na súa viaxe, Saltón atopa a moitos personaxes  como uns escaravellos, un verme, unha mosca, un mosquito, unhas bolboretas ou  uns cabaliños do demo, e vive con eles unhas historias moi interesantes, que van enriquecer seu camiño.
Aínda que a ilustración ou o tamaño da letra nos fagan pensar que está destinado para os máis pequenos, a súa lectura pode resultar de interese para todas as idades.
Autor e título imprescindible nas nosas bibliotecas, moi acaído para pensarmos na biblioteca escolar. 

22/12/17

Dándolle a volta aos contos clásicos: Brancaneves e os 77 ananiños e Cincenta e as zapatillas peludas


A editorial Xerais vén de publicar  os contos Brancaneves e os 77 ananiños e Cincenta e as zapatillas peludas, ambos os dous da autoría de Davide Cali, con ilustracións de Raphaëlle Barbanègre e traducidos por  Anaír Rodríguez.

Na presentación editorial indícannos que son reinterpretacións dos contos clásicos e un canto á liberdade. Desde o humor cuestiónanse os estereotipos aceptados, que impiden a educación en igualdade de dereitos de oportunidades de nenos e nenas.
Indicados para primeros/as lectores/as, son boas lecturas para incluír nos fondos da biblioteca escolar co fin de traballar a coeducación, a iguadade de xénero e o dereito a decidir das persoas, nomeadamente as mulleres. 

4/12/17

Novidades de poesía


Achegamos tres novos títulos de poesía que poden formar parte do fondo das nosas bibliotecas escolares, das nosas maletas ou mochilas de poesía ou ben formar parte das recomendacións lectoras do Nadal.


O baúl de Domingo Quintas de Xoán Babarro, ilustrado por Estefanía Padullés e publicado en Hércules Edicións. A historia comeza cando o narrador decide abrir o vello baúl do bisavó e atopa unha morea de poemas escritos sobre cortizas de bidueiro. A partir de aí, cada páxina contén un deses poemas, acompañado de cadansúa ilustración.

A pel do mundo de Berta Dávila, ilustrado por Alba Cid e publicado na Colección Árbore, de Galaxia. O poemario está deseñado como unha viaxe a diferentes lugares do planeta. Canda o poema temos unha pequena explicación do lugar que se visita.




Anatomía da lingua (Lingua de amar, lingua de amor) de Antón Cortizas Amado, con ilustracións de Leandro Lamas e publicado pola AS-PG. Na súa presentación editorial di que nos fala en 31 poemas saídos "dun impo tan profundo como a noite", da lingua, da nosa lingua. Como obxecto para amar, como obxecto de amor, como palabra de futuro. Oficios de lingua, paisaxes de lingua, beixos de lingua todo está presente neste poemario.





24/11/17

Marilar Aleixandre, premio Raíña Lupa 2017

https://www.flickr.com/photos/iesmgb/4462808567/in/photostream/

A escritora, profesora e académica, Marilar Aleixandre vén de recibir o Premio Raíña Lupa 2017 que convoca anualmente a sección de Cultura da Deputación de A Coruña, coa novela "A filla do Minotauro". Segundo o xurado  a obra galardoada é unha "relectura moi actual da mitoloxía grega cunha gran sensibilidade co patrimonio cultural". 

Felicitamos a Marilar, unha das autoras que máis se ten comprometido coas bibliotecas escolares e coa lectura en galego para os máis novos, atendendo sempre as demandas de colaboración que desde este ámbito se lle fixeron e ofrecendo ás persoas mediadoras, e ao profesorado en xeral, excelentes títulos para por nas máis dos lectores e das lectoras.

31/10/17

Na noite do 31 de outubro "Violeta quere ser vampiro. Un conto de Samaín"


Xerais vén de publicar o álbum Violeta quere ser vampiro.Un conto do Samaín  escrito por Ramón D. Veiga e ilustrado por David Sierra.

Como di na presentación editorial Coma todos os anos, a noite do 31 de outubro celébrase na casa de Violeta a festa do Samaín. Pequenos e grandes disfrázanse, xogan, bailan e contan contos ata ben entrada a noite, e malia os fantasmas, as bruxas e a Santa Compaña, ninguén se asusta porque, como di a avoa Pilar, «aos mortos non hai que terlles medo; cos vivos xa é outro cantar»
Neste álbum, ademais da historia de Violeta, temos incluída información sobre Vamtruvio e os vampiros riquiños, nese Manual de vampiro moderno que enche de humor o relato.
Lectura moi acaída para estes días que inundan de libros de medo e calacús as bibliotecas escolares.

19/10/17

A terra de Anna, unha historia sobre o clima e o medio ambiente

Kalandraka acaba de publicar A terra de Anna de Jostein Gaarder. A tradución do noruegués ao galego foi feita por David A. Álvarez.
Na presentación editorial dísenos que nos seus soños, Anna é quen de albiscar un planeta agonizante no futuro, con moitas especies desaparecidas da face da Terra a causa da contaminación e do cambio climático. Evitar que ese escenario apocalíptico se faga realidade é seu reto.
Esta novela de Jostein Gaarder, autor de obras como El mundo de Sofía, trata sobre o clima e o medio ambiente, e preséntase como unha fábula filosófica chea de optimismo.
Dirixida a lectores xuvenís, é unha boa proposta para formar parte dos fondos da biblioteca e  ler nos Clubs de Lectura, nomeadamente nestes tempos  no que a natureza do país sufriu importantes agresións e os máis novos precisan de ferramentas para entender o que está pasando e mirar para o futuro con esperanza. 
Por outro lado, hai que valorar a presenza de materiais en galego que enriquecen a adquisición do pensamento crítico e aportan outras miradas sobre o mundo, máis alá das sagas comerciais.

11/10/17

Exposición do Pergamiño Vindel en Vigo

Onte foi inaugurada a exposición do Pergamiño Vindel, o manuscrito que contén as sete cantigas de amigo de Martín Códax, que se poderá visitar no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, até o 4 de marzo de 2018.
O pergameo pertence actualmente á Morgan Library de Nova York, que llo cedeu á Universidade de Vigo para esta exposición, pero moitos foron os avatares que pasou o manuscrito, datado entre os séculos XIII ou XIV.
Este importante acontecemento pode dar pé a multiples traballos interdisciplinares coordinados desde a biblioteca escolar: liñas do tempo, estudo da literatura medieval, vinculación coa música, traballos de paleografía, selección de recursos...e por suposto, a visita á exposición do pergamiño, que está acompañada de 50 pezas de arte vinculadas á temática.
No ano 1998 a Editorial Galaxia editou un libro sobre as cantigas de Martín Códax que inclúe unha copia do Pergamiño Vindel e un CD coas sete cantigas. Este recurso pode ser de utilidade para os traballos de investigación que se fagan en torno ao Pergamiño Vindel.

3/10/17

Antonio García Teijeiro, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil


O poeta Antonío García Teijeiro vén de ser galardoado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil polo libro Poemar o mar, do que dabamos conta na entrada Moita poesía.

Nos Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 2016/2017, Antonio falounos de que a poesía non se ensina, fíltrase.

Moitos parabéns a García Teijeiro por este recoñecemento.


25/9/17

A señorita Bubble de Ledicia Costas


Editada por Xerais e ilustrada por Andrés Meixide, vén de publicarse a nova novela de Ledicia Costas, A señorita Bubble. 
Segundo a autora é unha homenaxe ás mulleres inventoras que, "como ocorre en moitos outros ámbitos, foron invisibilizadas ao longo da historia". O relato está cargado de fantasía e marcado pola estética steampunk.
A señorita Bubble tamén  é unha homenaxe a diferentes escritores e cineastas como Jules Verne, Tim Burton ou Roald Dahl.
Personaxes como a señorita Bubble, Sofi, Noa ou Vincent farán un canto á liberdade e imaxinación fronte a intrasixencia e ignorancia  da sociedade que xulga e rexeita o diferente.
Indicada a partir de lectores autónomos, non debe faltar nas bibliotecas escolares.

21/9/17

Chamando á Terra, novo programa de libros da Radio Galega




O sábado 9 de setembro comezou a emitirse na radio galega o programa Chamando a terra que ten como protagonista o libro en galego. Está dirixido pola xornalista e escritora María Solar e que conta coa colaboración de Montse Pena Presas, Malores Villanueva e Alba Cid.
O programa, que se emite os sábados entre tres e catro da tarde, ten como finalidade estimular as ganas de ler de todos os públicos e en todos os xéneros. Lecturas, entrevistas, recensións de libros ou opinións son seccións fixas deste programa que comeza.

Seguiremos con atención este novo programa que achega novas da Literatura Infantil e Xuvenil en galego. Asimesmo pode servir de modelo para futuros programas sobre libros desenvolvidos polas bibliotecas escolares.

Podedes escoitar os dous primeiros podcast no seguinte enlace



21/6/17

María Victoria Moreno será homenaxeada nas Letras Galegas 2018

María Victoria Moreno
© Archivo da familia de María Victoria Moreno
O 17 de xuño, mentres estabamos a celebrar a grande festa da lectura na X Xornada dos Clubs de lectura, a Real Academia Galega decidía adicar o Día das Letras Galegas 2018 a María Victoria Moreno, escritora da literatura infantil e xuvenil. 
Nacida en Estremadura, exerceu a docencia en diferentes lugares de Galicia pero foi en Pontevedra onde se instalou definitivamente até o ano da súa morte, en 2005. Legou a súa biblioteca ao IES Torrente Ballester, onde foi profesora os últimos anos de docencia. A biblioteca do Torrente leva o seu nome.
Algúns dos seus libros destacados son Leonardo e os fontaneiros (1986) Premio O Barco de Vapor de 1985, Anagnórise (1989), que formou parte da lista de honra dos IBBY ou Guedellas de seda e liño (1999), mención especial White Ravens en 2002. En Diario da luz e a sombra (2004) fai unha reflexión sobre os efectos da enfermidade que padecía.

Destaca ademais por ser defensora e impulsora do galego ( a miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor), tradutora, libreira, editora (dirixiu a colección Árbore da Editorial Galaxia) e autora de materiais didácticos de lingua e literatura galegas, como Literatura galega século XX (Galaxia).

9/6/17

Premios Xerais 2017


O sábado  3 de xuño de 2017 falláronse os Premios Xerais na Illa de San Simón (Redondela). Na XXXIVª edición do Premio Xerais resultou gañador Santiago Lopo con A arte de trobar; na IXª edición do Premio Jules Verne de literatura xuvenil, Manuel Lourenzo González con Ceiba de Luz e na XXXIIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, María Canosa con Muriel.
O profesor e divulgador científico  Xurxo Mariño actuou como mantedor literario. No seu discurso, titulado Unha pedra negra, defendeu a convivencia das humanidades e das ciencias experimentais como compoñentes dunha única cultura, reivindicando tanto o coñecemento humanístico como o coñecemento experimental para artistas, poetas e novelistas.
O acto contou cunha lembranza especial á figura do escritor Agustín Fernández Paz, a quen Xerais adicou esta edición de 2017 e agasallou ás persoas asistentes con Un mundo de palabras, onde se reúnen artigos sobre o acto de ler e o amor pola literatura do propio Agustín.

22/5/17

Premios II Gala do libro galego

O sábado 20 de maio déronse a coñecer as obras e iniciativas culturais premiadas na II Gala do libro galego, onde se recoñecen os mellores traballos do ano 2016. Estas distincións, sen dotación económica, foron determinadas por un xurado externo sobre unha listaxe de obras finalistas elaborada pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras e da Federación de Librarías de Galicia, entidades organizadoras da Gala do Libro Galego 2017.
As obras gañadoras nas distintas categorías foron as seguintes:
Ensaio
Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María. De Mercedes Queixas. Editorial Galaxia
Tradución
Historia do nobre Ponto, que foi rei de Galiza e de Bretaña. Anónimo. Tradución: Henrique Harguindey Banet. Rinoceronte Editora
Proxecto literario na rede
A Sega. Plataforma de Crítica Literaria
Literatura infantil e xuvenil
Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta. De Ledicia Costas. Edicións Xerais de Galicia
Iniciativa bibliográfica
Aulas sen paredes. De Rosalía Fernández Rial. Edicións Positivas
Iniciativa cultural ou de fomento da lectura
Ciclo Vermú entre libros (Libraría Paz)
Libro ilustrado
Canta connosco. De Óscar Villán. Kalandraka Editora
Teatro
Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada.De Carlos Labraña. Editorial Galaxia
Xornalismo Cultural
Zig-Zag
Narrativa
Todo canto fomos. De Xosé Monteagudo. Editorial Galaxia
Poesía
O cuarto das abellas. De Antía Otero. Edicións Xerais de Galicia

Ademais, entregáronse os premios honoríficos de cada unha das entidades convocantes. A Federación de Librarías de Galicia outorgoullo á Libraría Platero, de Ourense; a Asociación de Galega de Editoras premiou e recoñeceu a traxectoria como editor de Ánxel Casal e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega concedeu o galardón "Escritora Galega Universal" á autora portuguesa Hélia Correia.

18/5/17

Libros e arte urbana: Avións de papel de Xavier Estévez e Reo de Xesús Fraga

Xerais vén de publicar Avións de papel de Xavier Estévez, con ilustracións de Marcos Viso. Esta novela foi finalista do Premio Merlín 2016.

Destinada a lectores expertos, conta a historia de Lucas e Sara, que se coñecen por uns avións de papel. Esta amizade irá forxándose polo gusto de ambos pola lectura, pola escritura, polo debuxo, reivindicando a presenza e calidade da arte urbana (murais e graffitis), a través do enigmático personaxe de Hopper.

No epílogo, o autor introdúcenos na arte urbana facendo un percorrido histórico e presentando a algún artista como Powone. Ademais inclúe algunhas imaxes de murais e graffitis da cidade de Vigo e doutros lugares de Galicia.
Imprescindible na biblioteca escolar para pór de relevo a arte urbana, a poesía e por facer un alegato a favor da inclusión.

O mundo do graffiti xa aparecía na novela de Xesús Fraga, Reo, premio Raíña Lupa 2013, destinada a un público xuvenil e publicada pola Editorial Galaxia. En palabras de Ramón Nicolás (Caderno da Crítica), “ As razóns do acerto desta novela son ben diversas. Unha delas é que se introduce, por vez primeira no xénero e entre nós, no universo graffiteiro e faino acudindo a unha sorte de caderno de bitácora a través do cal Reo é quen de contar as súas propias experiencias vitais e describir o mundo que o rodea, sen obviar unha ollada realista sobre o tempo de incertezas que atravesa”.



12/5/17

Biografías: Damned Writers. 23 autores de culto.


A editorial  Bululú acaba de publicar Damned Writers, 23 autores de culto de Ángel Antón Svoboda. A tradución ao galego é de Maruxa Zaera Landeira.
Neste  seu primeiro álbum, o autor fai un percorrido polas diferentes biografías dos 23 autores e autoras, que teñen en común vidas curtas, desacougadas e desgraciadas , aos que o destino maldiciu sen compaixón segundo nos contan na presentación editorial. 
Rosalía de Castro, Kafka, as irmás Brönte, Wilde, Lovecraft, Dickinson e outros escritores forman parte destas biografías tan singulares
No prologo, Fernando Mircala di que o libro " non é un catálogo de autopsias ilustres, senón unha botica de primeiros auxilios vitais..."
Destinado ao alumnado xuvenil, este libro cun formato tan suxerente, pode suscitar entre o lectorado unha lectura crítica e comparativa das biografías destas personaxes. 

11/5/17

En primavera, Inventario ilustrado de flores



A editorial Kalandraka publica un novo tomo da serie de Inventarios ilustrados, o Inventario ilustrado de flores de Virginie Aladjidi con ilustracións de Emmanuelle Tchoukriel. A tradución corre a cargo de Fernando Moreiras

Nel descríbense as diferentes características de 62 tipos de flores de diferentes lugares do planeta. Iníciase o álbum  co noso cáncaro, prímula  ou panqueixo, unha das primeiras flores da primavera.
As flores están clasificadas por cores e descritas segundo o seu nome científico/común, época de floración, procedencia, aplicacións medicinais e culinarias ademais da presentación da flor coas súas características: partes, polinización e modos de crecemento. Acompañan tamén, imaxes de insectos vinculados ás flores . 
Con este álbum, acrecentamos a colección de libros científicos e informativos na nosa lingua para a biblioteca escolar.



19/4/17

Día Mundial do Libro 2017

As bibliotecas escolares galegas celebran o Día do Libro deste ano 2017 cun canto á poesía, da man da poeta galega ROSALÍA FERNÁNDEZ RIAL, quen nos agasallou cun poema inédito especialmente creado para celebrar a lectura, o libro, a maxia da palabra. 

5/4/17

Wolf Erlbruch recibe o premio Astrid Lindgren 2017


O escritor e ilustrador alemán Wolf Erlbruch vén de recibir o premio Astrid Lindgren 2017, un dos máis prestixiosos do mundo en literatura infantil. O fallo destacou a súa capacidade innovadora, o seu sentido do humor e o seu talento para tratar temas existenciais nas súas obras.

O obxecto do premio é potenciar e aumentar o interese por a literatura infantil e xuvenil en todo o mundo e fomentar o dereito dos nenos á cultura no ámbito global. O galardón foi instituido en 2003 polo Goberno de Suecia, un ano despois da morte da escritora, mundialmente coñecida por ser a autora da personaxe de Pippi Langstrumpf.
Wolf Erlbruch ten publicado unha decena de libros e ilustrado preto de cincuenta obras doutros autores. Na nosa lingua temos A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza , ilustrado por Erlbruch e publicado por Kalandraka.
Se queredes máis información sobre o autor podedes atopala aquí.

15/3/17

Colección "Básicos ciencia" de Xerais, divulgación científica en galego


Vén de presentarse a colección de divulgación científica Xerais Básicos ciencia, da editorial Xerais. Entre os seus obxectivos está fortalecer o o galego como lingua de ciencia e o fomento da lectura de divulgación científica.
A colección está dirixida por Miguel Vázquez Freire e neste momento consta de  tres obras: Terra de Xurxo Mariño, Historia do ADN de Daniel Soutullo e O universo matemático  de Antom Labranha. 
Cómpre ter en conta estes títulos nas bibliotecas escolares de Secundaria, fundamentalmente, para achegar a ciencia e a tecnoloxía á cidadanía porque, en palabras de Xurxo Mariño é preciso ter coñecementos científicos para poder ser cidadáns, para saber separar o que é ciencia do que non o é.

24/2/17

Mulleres bravas da nosa historia: Rosalía de Castro


Coincidindo co 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, achegámonos á biografía que fixo dela María Lado, na colección Mulleres Bravas da Nosa Historia, da editorial Urco.

Na presentación editorial dinnos que esta é a historia dunha nena que brillaba no silencio da noite…
Velaquí a primeira das nosas Mulleres Bravas, a benquerida e admirada Rosalía de Castro.
Se abrides este libro poderedes facer un percorrido pola súa nenez, as súas mudanzas vitais, coñeceredes as súas amizades e familiares, e sobre todo, seredes partícipes dos seus comezos literarios, eses que a converteron na poeta máis senlleira de Galiza.
Mais non faredes esta andaina en soidade, senón na compaña da Lucecú que viviu a carón de Rosalía durante todos os anos da súa vida, compartindo ledicias e épocas de menos luz.
…porque onde máis negra é a sombra é onde mellor se ven as estrelas.

Destinada aos primeiros lectores, é recomendable a súa inclusión na biblioteca escolar porque supón un achegamento á vida e obra da nosa poeta, baleirada dos prexuízos que encheron a súa biografía ao longo da historia. 
A colección conta tamén cun libro adicado á escritora e profesora  Mª Victoria Moreno, da autoría de Eli Ríos, que visitou a EEI de Barrionovo ( Arteixo) para presentar o libro ao alumnado.

17/2/17

2017: CENTENARIO DE GLORIA FUERTES


Neste ano 2017 conmemórase o centenario do nacemento de Gloria Fuertes (1917-1998).

A escritora madrileña destacou pola súa produción poética infantil e xuvenil, sendo menos coñecida a súa poesía para adultos.
En torno á sua persoa e obra vanse desenvolver múltiples actividades como nos informan desde o Observatorio del libro y la lectura. Podemos consultar tamén a páxina da Fundación Gloria Fuertes ou do Instituto Cervantes para achegarnos á biografía e á obra da poeta.
As bibliotecas escolares galegas non deberiamos pasar por alto esta efeméride xa que Gloria Fuertes achega unha mirada pedagóxica e feminista á literatura. Podemos celebralo a través de exposicións, na conmemoración do Día da Poesía ou do Libro...lendo a súa poesía.

Non atopamos moitos recursos en galego en torno á poeta, porén a editorial Hercules de Ediciones ten publicada unha biografía na súa colección As amizades de Hércules, titulada Hércules pasea con Gloria Fuertes.






16/2/17

En familia! de Hércules de Ediciones


Hércules de de Ediciones vén de publicar no 2016 o libro En familia! de Alexandra Maxeiner, con ilustracións de Anke Kuhl. A tradución ao galego é de Rosa ,Marta Gómez Pato. O álbum ten recibido o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil de Alemaña.

Como ben nos indica no título: En familia! sobre a filla da nova parella do irmán da exmuller do pai e outros parentes, o libro presenta a diversidade de familias coas que nos podemos atopar na sociedade: con dous pais, con dúas nais, con só pai ou nai, con pais  separados, con medios irmáns e medias irmás, con dúas casas ... concluíndo que cada familia é única.
Esta proposta non debería faltar nas bibliotecas escolares, ben nunha selección para pais e nais, ben nunha mochila para as familias ou mesmo para traballar co alumnado a diversidade familiar, nada allea ás nosas escolas.