18/3/21

21 DE MARZO DÍA DA POESÍA

O 21 de marzo conmemoramos o día da poesía e queremos celebrala léndoa e recomendando algunhas novidades editoriais.


O poeta Xavier Seoane publica na colección Merlín de Xerais o libro de poemas infantís Cancións para Ana Lúa.

Con belas ilustracións do pintor Correa Corredoira, os 17 poemas que compoñen o libro son un canto á infancia. Nana de viaxe, Onde estás lúa, lueira?, No peito da túa nai, Dons, A canción do unicornio, Numerando...van percorrendo un universo infantil, cheo de maxia e imaxinación.

A poesía non debe faltar nas nosas bibliotecas e a lectura en voz alta, por exemplo, destes poemas é un bo achegamento a ela.

Sae, lúa, sae, lúa

do pozo da noite núa (...)




Na colección Udra de poesía para nenos e nenas de Chan de pólvora editora, publica Marica Campo nós outras, un libro de poemas que é un canto á diversidade e á igualdade.

A ducia de poemas que compoñen o libro levan cadansúa ilustración da pintora Menchu Lamas, nunha simbiose extraordinaria de linguaxe poética e visual.

Tal como expresan na presentación editorial nós outras é un libro de cores e de valores. Un encontro onde as mans están abertas para ofrecer territorios comunais, ámbitos de intercambio, paisaxes que retratan a beleza e a complexidade de cada persoa...A raza, a condición económica ou social, as características físicas ou mentais, os xeitos de amar ou a procedencia xeográfica son a forza que nos une, un patrimonio compartido”.

nós outras é un libro imprescindible nas bibliotecas escolares, sobre todo na selección de lecturas inclusivas.

Gustos

Se eu prefiro a rosa

e ti dis anil,

son eu menos neno,

menos nena ti? (...)




1 comentario:

Anónimo dijo...

Gustoume moito ,
esta moi ben o recomendo.