31/5/20

O Chispas, un músico cósmico

A colección Sopa de Libros, de Edicións Xerais, engade un novo título para lectores expertos, un tramo do lectorado novo que cómpre atender con xeito nas bibliotecas escolares e desde a mediación. O CHISPAS é o último título do escritor Manuel Rivas para xente nova e, abofé que xoga con elementos que poden espertar o interese da rapazada: a música, un ser singular, o poder das palabras, as modas, os mundos paralelos, os robots, o amor... Atraínte ese protagonista que pode levar tras de si ás lectoras e aos lectores, cabalgando na súa Montesa, coa guitarra ao lombo (atractivo personaxe para os varóns, ese grupo de risco lector). Pero a historia é moito máis, pois O Chispas garda algúns segredos, entre eles a da Fonte da Fala, de Estrelampo, a aldea na que naceu, ou o porqué do seu tic espectacular. As ilustracións son de Sonia García, quen ten traballado, entre outros ámbitos, en ilustración científica.

Non está sobrada a LIX galega de textos que conectan coa ciencia ficción pero O Chispas pode ser unha invitación adentrarse no xénero, en contextos de clubs de lectura ou, simplemente na busca individual do lector e da lectora. 



No hay comentarios: