22/7/11

Branco sobre negro

O souto escuro e perigoso de Miguel Vázquez Freire, ilustrado por Xosé Tomás en branco sobre negro, está publicado na colección Merliño de Xerais.
Trátase dunha peza especial, dirixida aos máis pequenos e que nos trae vellas evocacións tanto polo lado textual como plástico; o propio título nos sitúa nese mundo de referencias.
"Este era un souto moi grande,
moi escuro e moi PERIGOSO.
Neste souto vivía un LOBO moi grande,
moi negro e moi moi PERIGOSO.
(O lobo fai ¡¡AAUUUUUUHH!!!)
O lobo faise presente, coma nos versos de Novoneyra: "O lobo! Os ollos o lombo do lobo!". Pero nese souto non só está o lobo meténdonos medo, tamén anda por aí o oso (e continúa o fonosimbolismo).
Gústanos, especialmente, que as palabras maiúsculas sexan esenciais no conto (aquelas que teñen que ver co significado), o xogo de onomatopeas e repeticións, a adxectivación absolutamente exemplar, os aumentativos e superlativos que nos conducen a un terror ... que non é tal, porque fronte a lobo e oso hai un animaliño tan inocente coma o coello que non lles ten un chisco de medo e que ata semella darnos un consello final, unha moralexa, mentres segue a triscar na súa cenoria.
As ilustracións de X. Tomás teñen ese ar de xiz sobre encerado e de ar de familia que nos remite a outras, nunha especie de homenaxe silencioso.
Unha fábula para contar e tamén para ler con aqueles que comezan a recoñecer palabras, para xogar a avanzar e adiviñar a historia. Pero, o libro tamén permitirá que os que xa saben ler poidan recoñecer algunha errata.

No hay comentarios: