Mellor libro do ano 2007 en Canadá, A gran viaxe do señor M, é un álbum con texto de Gilles Tibo traducido por Emma Lázare con ilustracións de Luc Melanson. Publicado por Kalandraka. Un libro que trata sobre a perda dun ser querido e o tempo de dó posterior. Ao Sr. M. acaba de morrerlle o fillo. Cunha cadeira e un osiño viaxa polo mundo. Percorre parques solitarios, circos despois das funcións, castelos de area... anda por lugares que reflicten a tristeza do seu interior, vai entre xente que case non ve ... ata que atopa a un neno da guerra coa familia desaparecida e que só ten unha boneca de trapo. Daquela, el arránxalle unha cadeira, sentan un ao lado do outro observando o horizonte, préstalle o osiño e o neno cóntalle a historia da boneca; viaxan xuntos e ... cóllense da man. Un libro triste porque tristes son as perdas. Un libro infantil porque tamén os nenos e as nenas sofren Un libro cheo de poesía e delicadeza, no que as imaxes reforzan os sentimentos de dozura e melancolía.
No hay comentarios:
Publicar un comentario