17/4/13

DE XOGOS

Estase a publicitar este novo libro de xogos, Tastarabás, enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza.
Da presentación editorial:
"Froito de dez anos de traballo, velaquí temos Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza. Nesta obra, Antón Cortizas, ao longo de máis de mil páxinas, ofrece un extenso catálogo dos brinquedos e enredos diversos que forman parte da nosa tradicional cultura lúdica. Máis de 2.500 fotografías acompañan os arredor de 1.000 brinquedos, enredos e mesmo brincadeiras efémeras que compoñen o volume, todos eles descritos de forma pormenorizada e completados con informacións sobre o seu uso, a dificultade de construción, as súas variantes, os lugares de recolla das informacións, anécdotas dos informantes relativas aos xoguetes descritos e tamén textos literarios ou doutra índole, nos cales un gran número de autores se refiren a eles. Velaquí un libro de divulgación que recompila nun só volume a meirande parte dos xoguetes tradicionais que formaron e forman parte da nosa cultura, clasificados en brinquedos do mundo animal, vexetal e inanimado, brinquedos de enxeño e habilidade, bonecas, brinquedos de desprazamento e transporte, arsenal infantil, brinquedos sonoros e xoguetes ou elementos para xogos regrados, entre outros".
Un libro que segue a estela daqueles primeiros Enredos de Xaquín Lorenzo.
Tastarabás é o nome dun brinquedo e instrumento musical, máis coñecido como carraca.

No hay comentarios: